App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Novas

A Festa da Empanada volta á vila da Bandeira o vindeiro sábado 18 de agosto

A carballeira de Silva, onde cada terceiro sábado de agosto, dende hai case 40 anos, se veñen reunindo unhas 10.000 persoas para rendir pleitesía a un dos platos con máis sona da cociña galega, foi hoxe o escenario da presentación da XXXVIII Festa da Empanada da Bandeira.
A localidade silledense celebra entre o 16 e o 19 de agosto vindeiros, os  seus festexos de verán, coa Festa da Empanada como cita estrela na xornada do sábado. A celebración, declarada de Interese Turístico Galego dende o ano 1999 é unha das de máis sona da comarca, ademais de festa gastronómica oficial do Concello de Silleda.
O programa deste ano supón tamén a estrea do novo equipo directivo da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, que volta con novos bríos e coa mocidade dos seus integrantes como denominador común. Diego Cuíña preside a renovada directiva, con idades comprendidas entre os 20 e os 29 anos.
A programación comezará xa o xoves día 16 co XII Bandeirock. A cita será a partir das 22.00 horas na rúa Camilo José Cela, coa actuación do grupo anfitrión Tu mujer nos engaña, a banda ourensana Malucos e Malandros, Barrio Rojo, de Vila de Cruces, e outra formación convidada. A cita, que foi presentado por Lolo Arincón, está organizada por Xonix Récords, coa colaboración de Café Bar Arume, Desgüaces Rolán e Frigoríficos Bandeira.
Xa o venres día 17, haberá xogos infantís pola tarde, en colaboración coa Anpa Brincadeira da Bandeira. Logo, ás 19.00 horas terá lugar unha exhibición de coches teledirixidos, a cargo de José Porto, campión galego da modalidade e Alberto Neira, subcampión. Na cita co radio control, unha das novidades deste ano, que se celebrará no campo de A Moa organizado polo Clube RC Bandeira, poderán participar todos aqueles asistentes que desexen probar esta modalidade.
Tamén a partir das 19.00 horas comezará a II Rutas das Empanadillas, unha iniciativa na que este ano participan sete establecementos hostaleiros da localidade. As empanadillas, con variadas receitas caseiras, poderán degustarse en A de Filo, Café Bar Reina, Trécola, A de Tachy, Arume Café, Zaux e O Encontro.
Ás 20.00 horas actuará o grupo folclórico Fortín da Pomba e á partir das 21.00 horas dará comezo na rúa Xeral o II Campionato Intercomarcal de Tiro á Corda. O primeiro premio, está dotado con 200 euros (patrocinado por Estación de Servicio Silleda e Socyser); o segundo, con 150 euros de Axencia Bandeira e o terceiro equipo clasificado recibirá un vale para unha partida de Paint Ball por xentileza do Concello de Silleda.
Xa pola noite, o folk será protagonista cun dos festivais máis senlleiros do panorama galego. O XXIV Esmorga Folk contará no escenario cos grupos Carapaus; Zurumalla, Tanto nos tén, e Cuchufellos. O certame, do que falou durante a presentación Ana Codesido, está consolidado logo de case 25 anos na programación da Bandeira, por onde pasaron ao longo dos últimos anos recoñecidas figuras do folk e artistas de renome mesmo a nivel internacional. Nesta edición colaboran, ademais do Concello, Queixos Hoxe, Frigoríficos Bandeira, Clínica Dental Marta Macías e A Casa das Crechas.
Concurso e subasta . XXXVIII Festa da Empanada.
Xa na xornada estrela do sábado, o programa ábrese co pasarrúas da Banda de Veteranos da Bandeira, que ofrecerá tamén un concerto ás 14.00 horas. A misa na honra de Nosa Señora das Ermidas será ás 13.00 horas. A cita coa estrela do cartel, a empanada, comezará ás 18.00 horas na carballeira de Silva. Ao igual que outros anos, haberá dúas categorías para o concurso de empanadas, no que se premiará ás máis sabedeiras. Así, ademais de tres premios para os restaurantes que participen, haberá outros tantos na sección de amas de casa, e tamén un premio á creación máis orixinal. A charanga Kilómetro Cero e o grupo local Xirandola, animarán a tarde na carballeira, para festexar os 38 anos de vida dunha das festas máis concorridas do mapa gastronómico galego, declarada de Interese Turístico en 1999.
O pregón correrá a cargo da xornalista Inés Colmeiro, con raíces familiares na localidade. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Maxisterio, Inés Colmeiro comezou a súa carreira profesional como guionista en distintos proxectos. No ano 2009 incorporouse ao equipo de guionistas do programa Larpeiros, da Televisión de Galicia, e xa en 2010 asume a dirección do programa.
Logo da exaltación dun dos platos máis versátiles dos fogóns galegos, chegará a entrega de premios e posterior subasta das pezas. O xurado de expertos que catarán as empanadas do concurso estará formado por Alberto Lareo Peiteado, do restaurante O Manso (Santiago); Julio Mato, da Casa de Xantar A Culler (Silleda); Susana Cancela, da Casa da Botica (Loimil); Cristóbal Crespo, estudante de Hostalería, e Carmen Pillado, veciña da Bandeira. O cartel da cita culinaria foi realizado polo artista silledense Adrián Penido.
Sobre as 22.00 horas comezará a cea das peñas, na que se agarda a unhas 10.000 persoas. A verbena, na N-525, contará coas orquestras América S.L e Suavecito.
Remate con sesión de bailables
O programa das festas rematará o domingo 19 de agosto. Nesta xornada, a partir das 09.00 hroas dispútase o Open Internacional de Petanca, organizado polo clube local. A Banda Recreativa e Cultural da Bandeira dará o pasarrúas e o tradicional concerto. Haberá a tradicional misa e procesión de San Antonio (ás 13.00 horas) e tamén un espectáculo pirotécnico. Ao igual que o ano pasado, a sesión vespertina terá como protagonistas ás bandas populares. A Recreativa da Bandeira e a Nova Banda de Vilatuxe ofrecerán a partir das 20.00 horas un concerto e xa sobre as 22.00 horas poñerán o broche de ouro ao cartel da Bandeira cun repertorio protagonizado por pezas bailables.
O presidente da entidade organizadora, Diego Cuíña, destacou que o programa está marcado pola austeridade, aínda sen perder a súa esencia. Así, optouse por reducir o gasto en apartados coma a pirotecnia, iluminación ou pola supresión da mesa oficial. Cuíña tamén agradeceu os apoios de todas as entidades e casas colaboradoras, así coma dos veciños, para a organización das festas.
Na presentación tamén interviú o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre, que destacou o esforzo da Asociación Amigos da Empanada e das comisións encargadas do Bandeirock ou o Esmorga Folk. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, pechou o turno de intervencións felicitando tamén aos organizadores, dos que destacou a súa xuventude e ilusión por manter unha das citas con máis arraigo do municipio. A rexidora tamén convidou a veciños e visitantes a acudir ás festas da Bandeira.
 Ao acto asistiron tamén hostaleiros, veciños da Bandeira, restauradores e outros representantes do Concello, entidade que colabora co programa xunto coa Deputación de Pontevedra.
Reservas ata o día 10
Cómpre destacar tamén que a Asociación Amigos da Empanada da Bandeira mantén aberto o prazo de reserva para a cea das peñas do sábado ata o vindeiro día 10. O prezo é, para os socios da entidade de 35 euros con dereito a dúas mesas (e as seguintes a 20 euros); e 30 euros por mesa para os non socios. Cada mesa ten unha capacidade para 10 persoas. Os que queiran reservar espazo, pero sen mesa, deberán de pagar 2 euros por persoa.

Publicado: 17/08/2012