App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Novas

O Concello realiza obras de conservación e mantemento nas dependencias monacais de Carboeiro

Silleda, 18 de novembro de 2013. O Concello de Silleda iniciou hoxe unha serie de actuacións de conservación e mantemento no mosteiro de Carboeiro. En concreto, os operarios municipais do departamento de Servizos, traballarán nos vindeiros días realizando distintas tarefas nas dependencias monacais, onde se ubican a sala de exposicións ou a cociña, entre outros.

Así, ademais de facer tarefas de retellado, para evitar as filtracións de auga que provocan, entre outros, a aparición de humidades, tamén se acometerán outros traballos de conservación nesta edificación. Os operarios municipais realizarán así mesmo labores de limpeza, eliminando tanto a maleza que invade as zonas próximas ao recinto como as hedras que trepan polas paredes, e que afectan tamén á visibilidade no interior das salas. “Con esta intervención búscase, ademais de adecentar as instalacións, mellorar as dependencias monacais, cunhas tarefas que son moi necesarias no ámbito da conservación”, sinala a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Campos.

Traslado da oficina de atención e punto de acceso

Dentro destas actuacións de mellora tamén se enmarca a habilitación dun novo espazo de atención ao público. Así, a Oficina de Turismo e punto de recepción trasládase á zona das antigas cociñas, tamén nas dependencias monacais (ata agora estaba xunto á porta de acceso á igrexa). Ademais de acondicionar o local tamén se dotará dunha estufa, mellorando as condicións de traballo do guía.

Con este cambio, tamén se varía o acceso a turistas e visitantes, que agora accederán ao mosteiro polo claustro. Para realizar esta modificación colocaranse nos vindeiro días carteis indicando o novo lugar de acceso ao recinto.

“Este cambio da ubicación do punto de atención supón tamén unha mellora na calidade de atención aos visitantes que se achegan ata o mosteiro. Así mesmo, a persoa que atenda as dependencias, fará a súa labor en mellores condicións”, sinala Margarita Campos. Nestas novas dependencias tamén está previsto colocar material bibliográfico do mosteiro e outros recursos divulgativos.

Audioguías e códigos QR

Outro dos proxectos previstos, co ánimo de mellorar a atención aos usuarios/as que se achegan a Carboeiro, pasa pola posibilidade de utilizar audioguías para realizar visitas ao mosteiro.  Esta iniciativa súmase a outras xa realizadas como a edición de códigos QR para descargar a través de dispositivos móbiles información sobre o mosteiro románico.

 

“Carboeiro e a nosa xoia turística por excelencia, e por iso apostamos por seguir mellorando a calidade na atención”, engade a concelleira de Turismo, lembrando que dende o Concello se aposta polo turismo “como se está a ver con actuacións como a realizada en Escuadro, o programa Goza do Ulla, e outras que virán”, engade. Ademais recalca que Carboeiro, é “un dos monumentos máis valorados en programas como Santiago Turismo, do que tamén forma parte Silleda”. 

Publicado: 19/11/2013