App Store Carboeiro 
 
El tiempo en Silleda
Para el día

Por la Mañana

Por la Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Inicio -> Noticias

O mosteiro de Carboeiro abrirá as súas portas todos os días da semana dende o 1 de marzo e de maneira provisional

Silleda, 22 de febreiro de 2019.  O mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro abrirá as súas portas todos os días da semana, e ata novo aviso, dende o vindeiro venres día 1 de marzo.

Coincidindo co cambio ao horario de primavera, que se ven aplicando dende marzo ata xullo, aplicarase este cambio, como proba piloto, xa que ata o de agora o mosteiro pechaba as súas portas todos os luns.

Así mesmo, tamén se ampliará co cambio a partir de marzo nunha hora o tempo de visita, abrindo pola tarde ás 15:30 horas en lugar das 16:30.

Deste xeito, o mosteiro estará aberto ao público dende o vindeiro venres de 11:00 a 14:30 e de 15:30 a 19:00 horas.

“Con esta ampliación queremos seguir potenciando Carboeiro, un dos nosos grandes emblemas, tendo en conta que nos últimos anos se rexistrou unha notable afluenza de público durante a primavera, chegando incluso a niveis da época estival, cando tradicionalmente se recibían máis visitantes”, explica a concelleira de Turismo e Cultura, Ana Luisa González Costa.

Do mesmo xeito, para tomar a decisión de abrir tamén o luns tívose en conta o feito de que nos vindeiros días se iniciarán as obras de reparación e limpeza acometidas pola Consellería de Cultura para consolidar muros e eliminar humedades, “algo que vimos reclamando nos últimos anos dende o Concello de Silleda”, engade.

González Costa explica que a realización das obras, en principio e tal e como informou a Consellería de Cultura,  non impedirá ter o mosteiro aberto. “Dende o vindeiro vernes 1 de marzo Carboeiro abrirá todos os días da semana, unha medida da que iremos vendo a súa evolución cara o verán,  e que de entrada se aplicará de xeito temporal”, engade.

O mosteiro de Carboeiro, considerada unha das xoias do románico oxival en Galicia, recibiu no último ano  preto de 18.500 persoas, unha cifra que segue na liña de anos anteriores e que confirma ao mosteiro silledense e o seu entorno como un dos lugares máis visitados da comarca do Deza.

Publicado: 2019-02-25