App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día 30/04/2017

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 10
Máxima: 15
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Feiras
""
 
Inicio -> Feiras -> Feira Internacional de Galicia

Feira Internacional de Galicia

Nos primeiros anos do S. XVIII, Silleda celebraba a súa feira o día 18 de cada mes na carballeira e pendellos ubicados na actual Praza da Feira Vella, da que tan só quedan en pé algúns carballos centenarios.

No S. XIX pasa a organizalas os días 6 e 23 de cada mes, sendo as súas especialidades gando vacún, galiñas, polos, manteiga e queixos.

O desenvolvemento agrícola e gandeiro, a concentración parcelaria e o apoio entusiasta dos verdadeiros protagonistas, os agricultores, forxaron o que se deu en chamar o fenómeno da Semana Verde, unha macrofeira exposición agropecuaria de carácter rexional. 

As consecuencias foron inmediatas. Primeira: o cambio de emprazamento ao lugar actual, que se produciu en torno ao ano 1976; e segunda, a transición da fórmula do mercado tradicional da venda por raleo, a un sistema moito máis avanzado, implantando o Mercado Comarcal de Gando, e creando a Lonxa Agropecuaria de Galicia.

As datas quedan fixadas para todos os martes seguintes aos días 5 e 20 de cada mes. Posteriormente, e dado o volume acadado, amplíanse a todos os martes do ano, salvo coincidencias cos eventos feirais.

Hoxe cabería distinguir na capital trasdezá tres tipos de mercado: a feira especializada con venda presencial de animais en poxa transparente e informatizada; a venda de animais e produtos derivados, sen presenza do xénero, tan só para marcar prezos de referencia, (Central Agropecuaria de Galicia); e  como final da evolución antes comentada, a celebración de mostras e exposicións anuais organizadas ao abeiro da  Feira Internacional de Galicia.

Feira Internacional de Galicia

O recinto Feira Internacional de Galicia, inaugurado en 1996 polo Rei D. Juan Carlos I, é o maior parque de exposicións do noroeste peninsular. Con categoría internacional, conta cunhas magníficas infraestruturas que lle confiren unha gran versatilidade e nas que destacan os seus 428.000 m² de superficie total, dos cales se destinan a exposición 37.000 m² cubertos (distribuídos en 7 pavillóns) e 55.000 ao aire libre, ademais de 27.000 de zonas verdes e 8.800 dedicados a restauración.

O Centro de Congresos e Convencións integrado no recinto é un importante valor engadido, xa que completa as súas múltiples posibilidades ao dispor de auditorio con capacidade para 624 persoas, salas de reunións multifuncionais, cafetería e completos servizos audiovisuais.

Un total de 3.500 prazas de aparcamento, un ring hípico e incluso un heliporto súmanse a estas instalacións para convertelas na mellor opción para celebrar certames e eventos de calquera natureza e coas necesidades máis esixentes.

Ademais, a combinación da súa situación nun entorno natural de gran beleza e a súa proximidade á capital de Galicia, á que se accede por autoestrada en apenas 15 minutos, dota ao recinto Feira Internacional de Galicia dunha singularidade que o converte en único.

Dende a súa creación, a Feira Internacional de Galicia demostrou a súa capacidade como elemento dinamizador, non só dos sectores produtivos galegos, senón de todo o tecido empresarial do noroeste peninsular. Proba de elo é que acolleu reunións, xornadas, presentacións, congresos e certames ligados a sectores tan significativos como o agrogandeiro, forestal, turismo, medio ambiente, construción ou novas tecnoloxías.
Esta capacidade de adaptación ás esixencias do mercado convertérona nun dos centros de negocio máis importante da Eurorrexión Atlántica e nun espazo feiral de referencia a nivel internacional.

Feira Internacional de Galicia
Telf.: 986 57 70 00
www.feiragalicia.com

 

Este parque de exposicións e as súas actividades están xestionadas pola Fundación Semana Verde de Galicia, a cal apostou sempre pola organización de eventos nos que a xeración de negocio e a apertura de novos mercados tiñan un papel protagonista.

A Fundación Semana Verde de Galicia (FSVG) é unha institución sen ánimo de lucro creada en 1991 e declarada de interese galego, entre cuxos fins figuran contribuír ao desenrolo do sector agrario galego, promover a cooperación público-privada na realización de actividades feirais e promocionais no campo agrario, alimentario, industrial e comercial co obxecto de impulsar o avance continuo de ditos sectores; reforzar a posición estratéxica de Galicia como plataforma feiral e impulsar o recinto Feira Internacional de Galicia como enclave estratéxico para o desenrolo socioeconómico de Galicia.