App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día 20/10/2017

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 14
Máxima: 20
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Festas e Romarías
""
 
Inicio -> Festas e Romarías -> Entroido : Desfile e Alto dos Xenerais

O Entroido: Desfile e Alto dos Xenerais

O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e pagáns, sendo a época na que se poden romper todas as normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas.

É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante a época franquista, malia que se mantivo viva nas aldeas.

Manifestacións: Hai na zona dúas formas de manifestarse. Unha, a través de desfiles de máscaras en carrozas acompañadas de charangas, na súa versión máis moderna, que se celebra en Silleda con premios aos mellores disfraces. Organízase o domingo de Entroido, polas rúas da vila.

E outra, a gran protagonista do Entroido, con personalidade propia dentro do Concello de Silleda, o “Alto dos Xenerais” celebrado tradicionalmente entre as parroquias das ribeiras do río Ulla.

A Bandeira, Lamela, Dornelas e Piñeiro dende hai uns anos decidiron engalanarse e saír aos camiños e rueiros para cantar os “vivas”, dar os “atrancos” e así representar os carnavais tradicionais que xa constan nas memorias de principios do século XX.

Os Xenerais e séquito (correos, sentinela, coro e parranda), vestidos de uniformes militarizados e todo tipo de adobíos, representan en versos de rimas pares loitas dialécticas entre dous bandos, invasor e defensor do pobo. Coa mestura propia da época, lanzan frases contra todo o establecido e imposto por autoridades, caciques, clero e na defensa da clase traballadora, gandeiros, agricultores… o pobo oprimido.

Os Xenerais do Ulla, constitúen hoxe unha das manifestacións máis recoñecidas do carnaval rural galego.

Celébranse xeralmente na fin de semana anterior ao martes de Entroido, agás Lamela que o fai o Sábado da semana anterior.

A Gastronomía: Pero se é tempo para a troula tamén o é para xantar e cear, porque outra compoñente fundamental do Entroido galego é a gastronomía.

Se o Entroido representa a manifestación popular do cambio de estación; da transición do inverno á primavera, hai que facer unha loanza desmedida das comidas nas vésperas da “Coresma” que manda a igrexa, que son 40 días de xaxún e abstinencia.

En Silleda, corazón verde de Galicia, nestas datas non se pode pasar sen saborear os produtos en sazón. O lacón con grelos ou o cocido como pratos fortes e como doces: as orellas, flores, filloas con mel e queixo do país con doce de marmelo. Todo regado con bo viño e licor café.

Ver mapa de recursos
Entroido / Alto do Xenerais Entroido / Alto do Xenerais Entroido / Alto do Xenerais Entroido / Alto do Xenerais