App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Historia
""
 
Inicio -> Historia -> Idade Media e Séculos Posteriores

Idade Media e Séculos Posteriores

A dilatada tradición histórica de Silleda continúa na Idade Media coa fundación da Abadía de Carboeiro (S.X) ou as construcións da Ponte de Taboada no ano 912 quizais sobre unha primitiva ponte de táboas (Pons Tabulata), de aí o seu nome, e o da Ponte de Chapa, únicos puntos de conexión con Santiago para salvar os ríos Deza  e Toxa.

  • A Ponte Taboada
  • A Fortaleza de Cira
Situación: Lugar A Ponte. Parroquia Taboada
Época: Idade Media reinando Ordoño II
Cronoloxía: Ano 912
Coordenadas: X:564.730 Y:4.725.525 H:29

Construída no emprazamento dunha anterior de táboas, a actual foi levantada no ano 912 tal e como reza a inscrición latina que figura gravada nunha rocha próxima.
A inscrición é a seguinte:

(L)ABORABERUNT/( IS)TA PONTE/ (IN) ERA DCCCCL/ ET FUIT PERFECTA (P)RIDIE KLDS APLS

Esta soberbia construción pode calificarse como unha das obras civís máis importantes da época, que se caracteriza pola maxestuosidade, altura e a perfección do deseño. Consta dun só arco de medio punto e posúe un acceso con tránsito en dobre rampla. A entrada e saída da ponte realízase en ángulo ou cóbado despois de pasar por un camiño empedrado bastante ben conservado.

Soportou anos, terremotos, riadas e sobre todo foi testemuña de innumerables acontecementos como paso de nobres, magnates, arcebispos, peregrinos, arrieiros a Castela e loitas contra os franceses cando no 1809 trescentos trasdezanos se apostaron nas proximidades para impedir a invasión das súas tropas. Aínda hoxe, como Camiño Real de Santiago, itinerario europeo, ten o privilexio de seguir sendo a porta de entrada ao concello e o paso obrigado de miles de peregrinos que ano tras ano van cara Compostela.

Da época feudal datan importantes torres e fortalezas en Chapa, Cira, Costela, Férveda, Rellas e O Foxo, desaparecidas na súa maior parte. Tan só Cira conserva maxestuosa a torre da homenaxe como testemuña erguida das loitas entre a raíña Dna. Urraca e o arcebispo Xelmírez que sufriu a prisión entre as súas pedras.

Situación: Lugar O Castelo. Parroquia: Sta. Baia de Cira.
Idade: Arquitectura Militar do S. XII reedificada no seculo XV
Coordenadas: X:552.499 Y: 4.736.397 H:29
Propiedade: Privada non visitable

Erguida sobre un rochedo existente no lugar do mesmo nome, onde conflúen os ríos Deza e Ulla, o castelo foi fundado no XII por Bernardo Xoán de Deza. Posteriormente a raíña Dona Urraca asediou a fortaleza, apresando dentro dela ao seu propietario, que lla deu a cambio da súa liberdade. A partir do cambio de titularidade a raíña empregou a fortaleza como base de operacións para loitar contra o arcebispo Xelmírez para a conquista das súas propiedades.

Hoxe tan só queda en pé como testemuña, a torre da homenaxe da fortaleza que, desfeita polos irmandiños no ano 1467 a consecuencia da súa rebelión popular, fora levantada polo todopoderoso da época, o Conde de Altamira. O actual propietario, logrou que onde noutras épocas os arredores foran campos de batallas e sangue, hoxe sexan frutíferos campos pero de árbores froiteiras de sona ben gañada.