Inicio -> Novas |
O festival Espazos Sonoros recala no mosteiro de Carboeiro o 4 de outubroO festival Espazos Sonoros, de músicas en espazos de interese cultural, volta a vindeira fin de semana a Silleda. Logo das citas no santuario de Abades, o mosteiro de Carboeiro será o protagonista da cita este ano o vindeiro domingo día 4. Ademais do concerto do grupo La Macorina, previsto para as 18.00 horas no interior do mosteiro románico, a axenda comezará cun sendeiro circular polo entorno deste emblema histórico. A concentración dos participantes será ás 14.30 horas xunto ao mosteiro para partir ás 15.00 horas o percorrido, de aproximadamente dúas horas de duración. A primeira parada será na Ponte do Demo, con explicación das lendas deste paso sobre o río Deza entre Silleda e Vila de Cruces. A senda discorrerá logo pola calzada medieval ata o Balneario da Brea, onde haberá tamén unha explicación histórica sobre os afamados baños desta vila. A ruta proposta baixa despois ata a área recreativa da Carixa encarando o regreso a Carboeiro por Ponte dos Cabalos. No regreso os participantes terán a oportunidade de realizar a senda botánica de Carboeiro, unha aproximación á flora autóctona deste enclave natural ou achegarse a visitar as dependencias monacais coa guía de Carboeiro,onde ás 18.00 horas comezará o recital. Baixo o lema Vellas lembranzas novas historias de Europa, África e o novo mundo, La Macorina, con virtuosos intérpretes, procedentes de sustratos musicais moi diversos, o concerto fará un percorrido dende a vella Europa ata os novos territorios de América, co repertorio indíxena como base. Non faltarán no repertorio a tradicional musical europea do Renacemento e do Barroco ou a tradición oral africana, levada ao novo continente polos esclavos de África. La Macorina sintetiza coa súa proposta a simbiose entre estilos e culturas que predica nos seus proxectos, a cabalo entre a historia, tradición e a contemporaneidade. Alfonso Pacín (guitarra e violín); Tunde Jegede (kora, violonchelo), Rafael Guel (viola de man, percusións) e Diana Baroni (canto e traverso) son os componentes deste grupo protagonista dunha das citas máis agardadas con Espazos Sonoros Inscripcións ata o día 30A participación no sendeiro e no concerto é gratuita. Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo actividades@espazossonoros.org . As persoas interesadas poden anotarse ata o vindeiro mércores día 30.
Publicado: 28/09/2015 |