Abades, denominada en época medieval Santa María de Pedre, ten a fortuna de ser unha pequena parroquia cargada dun gran patrimonio histórico-artístico, cultural e mesmo paixasístico.
No primeiro aspecto, as recentes obras do Ave, fixeron descubrir ao público a Mámoa da Chouxa Nova I, considerada a máis antiga de Galicia catalogada. Tamén é recoñecida polo seu Santuario da Nª Srª dos Desamparados, na honra de quen Melchor Ricoi construíu un impresionante templo,no S. XVIII, coa torre máis alta da Comarca e a campá máis grande do Concello. Fronte a ela atópase a primitiva igrexa románica, dedicada a Santa María, moi sinxela de fábrica, pero con interesantes e curiosos canzorros e uns frescos no interior singulares. Forma parte da Ruta do Románico e está declarada Ben de Interese Cultural.
Na arquitectura civil, sobresae a Casa da Viña con escudo con armas dos Gil, Taboada, Luaces e león coroado dos Valenzuela e capela dedicada a San Antonio. Nesta casa naceu o escritor e político Ramón Valenzuela (1914-1980).
En Bazar, unha sinxela capela dedicada a San Queitán remata esta serie de arquitectura relixiosa de tanto interese.
Un cruceiro ben traballado a carón dunha fonte milagreira vencellada ao ritual deste santuario e aodo Corpiño (Lalín) preside este conxunto monumental.
En Abades atópase a estación de ferrocarril de A Bandeira construída na primeira metade do século XX e inspirada nos modelos de arquitectura civil dos pazos galegos.
No aspecto cultural a gastronomía ten aquí un encontro especial coa Festa da Rosquilla que se celebra o Domingo de Pascua.
Para os afeccionados a micoloxía a zona de Campo Marzo sempre foi coto especial para as visitas de Outono.
Existe no lugar de Reboreda unha Granxa Escola e Albergue Turístico como centro educativo ambiental recoñecido pola Xunta. |