App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Festas e Romarías
""
 
Inicio -> Festas e Romarías -> Romarías tradicionais

Romarías tradicionais

O que fai única a Galicia son as súas tradicións, que permanecen vivas no terceiro milenio, porque son cultura popular e raíz das crenzas. Este é un país de maxia, encantos, meigas, bruxas e santos milagreiros. Na honra a todos eles a festa chamouse romaría.

E iso mesmo acontece no concello. Cada parroquia ten a súa encomenda, o seu santo ou santa protectores, cando non varios. Os traballos no rural son moi duros, e duras son as dores e calamidades que ás veces producen. Para asegurar toda sorte de venturas hai que avogar por médicos, curandeiros e sempre aos santos. Para cada ocasión, unha romaría para ofrecerse e dar grazas, pero tamén como descanso outra romaría para bailar, mocear e xantar. Así naceron as festas relixiosas, as gastronómicas e así perduran nos tempos as máis enxebres, as romarías populares.

  • Romaría do Rapaz
  • Romaría da Santa Sabela
  • Romaría da Saleta
Lugar: Santuario da Saleta
Localidade: Siador
Data: variable
Mes: xuño
Antigüidade: 1ª edición 1989
Coordenadas: X: 561.962 Y: 4.725.536 H: 29

Importancia: A Romaría do Rapaz, catalogada como única en Galicia e en España, débese a que é organizada nun 90 % polos propios nenos de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.
É singular tamén polo lugar onde se realiza, nun entorno natural de particular beleza, unha típica carballeira con carballos centenarios que circunda o famoso Santuario da Saleta na parroquia de Siador.

Actos: A cita lúdica conta no seu programa habitual con talleres de mañá e tarde, parques de inchables, actividades multiaventura e xogos tradicionais.

Paralelamente a estas actividades citadas, ás 12.30 horas, os misioneiros saletinos organizan unha eucaristía infantil e entre as 16:00 h e as 19:00 h. hai partidas simultáneas de xadrez, coordinadas polo colectivo local Ágora.

Durante todo o día, o público pode gozar con outras diversións de animación, onde nunca faltan  pallasos, magos e actuacións musicais como a da Banda Infantil e Xuvenil de Música de Silleda. Como colofón, entre os atractivos “estrela” da festa, a partir das 19.00 horas arranca o tradicional desfile de modelos con traxes de material de refugallo feitos polos nenos e os pais. Coma en toda romaría, as carballeiras están ateigadas de familias, sentadas ao redor de mantel, en mesas ou na herba, xa para xantar, merendar ou cear.

Organización:
O apoio  a esta festa lúdico-didáctica é incondicional por parte do Concello, Comunidade de Pais Saletinos, Asociación de Veciños Olaia e outros colectivos e institucións.
Todo está feito por e para os nenos, porque eles son os protagonistas e destinatarios das actividades que se organizan. Os demais tan só  espectadores dunha idea singular, nacida onde nacen as fantasías e as ilusións, na nube dos soños da poboación máis xenuína, o rapaz. Para que todos poidan asistir tamén se monta un servizo de gardería e postos de polbo.

 

 

 

Lugar: Santuario de Escuadro
Localidade: Escuadro
Data: 2 de xullo e domingo seguinte
Mes: xullo
Antigüidade: romaría tradicional moi antiga.
Coordenadas: X: 557.386 Y: 4. 726.599 H: 29
Penadauga: lugar do mesmo nome.

Importancia: A Romaría da Sta. Sabela, como tódalas desta categoría, pérdese na memoria do tempo. Ten data fixa, porque o seu día sinalado, o 2 de xullo, é o que marca o festivo. É unha festa profundamente relixiosa, da Galicia máis profunda, que mestura o animismo, paganismo e cristianización. Onde o motivo da fe está na sanación de doenzas relacionadas coa pel, vista e ósos a través da invocación da Santa e da realización do ritual duns actos na pedra sagrada, a Penadauga, con poderes curativos.

Actos: Todo en Escuadro está relacionado. Os romeiros, que son milleiros, con doenzas de pel (soriase, verrugas, dermatite), de vista ou de ósos, teñen un protocolo que seguir. Asistir a unha misa na honra da Santa, pasar por debaixo da imaxe cando sae a procesión e acudir á Penadauga para lavar as partes danadas na auga que está sobre a rocha, ou ben, refregarse coa parte do corpo doente. Para completar o programa terapéutico e na medida das posibilidades, pode doar en ofrenda un animal, ou calquera outra cousa, á igrexa para que sexa poxada publicamente entre os asistentes, no adro do santuario.

Lenda: Conta a lenda popular, que a orixe da festa vén de cando unha muller ía tódolos días a lavarse á parroquia próxima de Graba e no camiño quedaba a durmir na parte de enriba dunha peneda, existente no lugar de Penadauga. Un día esta muller desapareceu, pero no seu sitio chantouse a súa figura feita en pedra. Os veciños de Graba reclamaron a estatua declarando que era súa, pero aínda que a levaron, ela sempre volvía para a rocha. Despois de moitas discusións chegouse a un acordo de maneira que a estatua quedou en Escuadro a cambio dunha campá. A figura de pedra en cuestión resultou ser a Sta. Sabela que agora se venera na igrexa de parroquia de Escuadro, aínda que tamén quedou o seu perfil na concavidade da rocha de Penadauga.


Lugar: Santuario de Siador
Localidade: Siador
Data: 18 e 19
Mes: setembro
Antigüidade: romaría tradicional moi antiga. 1864.
Coordenadas: X: 561.962  Y: 4.725.536  H: 29


Importancia:  Esta romaría toma seña de identidade o día 26 de xuño de 1864 co traslado a hombros  da escultura da Virxe da Saleta  dende Santiago,  costeada pola familia Rivas do Pazo de Sestelo. Este feito conmemoraba a aparición da Virxe no lugar de La  Salette nos Alpes franceses   o día 19 de setembro de 1846.

Actos:  A romaría da Saleta ten lugar durante os días 18 e 19 de setembro, se ben  todo comenza nove días antes  do  principal coa celebración dun novenario e  procesión das antorchas de moita devoción e vistosidade. O día grande  é o 19 de setembro, cando teñen lugar misas durante todo o día, destacando a solemne concelebrada e cantada pola Coral P. Trasdeza ao mediodía no anfiteatro exterior con exposición da imaxe da Saleta e posterior procesión.

Resaltar que este centro de irradiación mariana sempre trouxo moitos romeiros para pedir milagros e favores,  que segundo constan en documentos e ofrendas se concederon a centos.

De aí que se crearon toda sorte de acitividades paralelas,  entre as que cabe destacar as ceas do día 18 e xantar do 19,  que se producían entre a cantidade de visitantes que procedentes de infinidade de puntos de toda Galicia durmían nos arredores. Hoxe, a tradición continúa, sendo un punto de encontro para tódolos veciños das parroquias lindantes que non deixan pasar estas datas sen facer a visita obrigada.

Breve Historia da Saleta de Siador: Dende que no ano 1846 tivo lugar a aparición  nos Alpes, o acontecemento propagouse por toda Europa.

A noticia chega ao coñecemento de Francisco Mª de Rivas, quen funda o Santuario en Siador.
No ano 1863 a devoción a Virxe da Saleta segue medrando e así, por petición de parte do benfeitor Sr. Rivas é tallada unha imaxe en madeira polo escultor Magariños de Santiago quen a remata a finais de maio de 1864. O 26 de xuño de 1864 é trasladada a Siador a hombros dende a capital galega, sendo acompañada de gran afluencia de devotos. Nace así a aprobación canónica e de culto do primeiro Santuario Saletino de España.

O 8 de Abril de 1865, rematadas as obras de ampliación da igrexa parroquial, a imaxe colócase no novo camarín onde permanecerá ata 1926, data na que é trasladada definitivamente ao lugar actual.

Outro fito histórico prodúcese no ano 1984  canto o Santuario e parroquia  pasa a ser atendido pastoralmente por Pais Saletinos procedentes da comunidade de Valladolid, e posteriormente, no ano 1986, cando se inaugura o Centro Espiritual e Casa de Oficios da Comunidade de Misioneiros.
No ano 2001 constitúese a “Fundación Santuario de Nuestra Señora de La Saleta”. O seu presidente fundador é Roberto José Rivas Martínez, descendente do mencionado Francisco María de Rivas. O obxecto da Fundación é a difusión saletina, así como o impulso do Santuario  en todo aquelo que afecta á conservación e mellora do mesmo e da súa contorna.

Información e contacto:
Misioneiros Nosa Sra. da Saleta,  Penadagra, 13
36547 Siador - Silleda
Telf. e fax: 986.580.474
Correo e.: saletinos.es@gmail.com

 

 

 

Ver mapa de recursos
Festa do Lacón Festa da Empanada Festa da Tortilla Festa da Paella Festa da Castaña Festa do Melindre (Rosquilla) Festa da Carne ó Caldeiro Romaría do Rapaz<br>Romaría da Saleta Romaría Santa Sabela