Rellas, como Escuadro, goza das bondades do Val de Escuadro e dos ríos Toxa e o propio Escuadro que alimentan as terras para o labradío. Aínda que pequena en extensión, a súa historia corre parella á do mecenas e protector Beltrán Legerén, de orixe francesa, que dende a súa chegada no ano 1820 transformou a vida de toda a parroquia, modernizando as formas de traballo, creando muíños industriais, levantando unha fábrica de papel e outra de curtidos e incluso realizando diversas melloras na parroquia, incluíndo a nova igrexa. Hoxe é historia, pero quedan mostras como a casona coñecida como a Casa da Fábrica e a mansión de estilo francés construída posteriormente a carón desta.
No aspecto etnográfico temos a sorte de ver restaurado, grazas a un Taller Obradoiro do Concello (2008), o muíño máis grande da Comarca. O Muiño de Covián, construído no ano 1810 e que con catro moas era un dos muíños de maquía máis importantes da zona a onde acudían os veciños para obter a preciada fariña. Hoxe accédese facilmente dende a Vía da Prata, preto da Ponte de Pedra de Chapa, e pódese disfrutar do río, carballeiras e mesas dispostas nunha área de lecer. |