App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día 25/06/2017

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima: 15
Máxima: 29
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Turismo Activo
 
Inicio -> Turismo Activo

Turismo Activo

O turismo activo é unha tipoloxía de turismo moi fortemente ligada ao medio natural, onde predomina a participación activa do home e a relación con algún deporte vencellado á natureza.

En Silleda están despuntando colectivos e mesmo empresas turísticas que poden ofrecer, ademais de actividades coma o sendeirismo ou o turismo cultural; outras consideradas como deporte aventura, e de maior calado tales coma o piragüismo, rafting, tiro con arco, petanca, pesca, caza e tiro ao prato.

Nas liñas que seguen vai unha boa mostra do novo turismo que se está a facer, e no que cobra máis importancia a acción que se realiza que o lugar onde se desenvolve.

  • Granxa Escola - Albergue Turístico
  • Caza e Pesca
  • Tiro con Arco
  • Petanca

A GRANXA ESCOLA é un Centro de Educación Ambiental situado no corazón da Galicia Verde, moi preto da fervenza máis alta de Galicia, a coñecida Fervenza do Toxa.

Inaugurado no 2005, a oferta baséase no traballo didáctico de técnicas agropecuarias tradicionais, no coñecemento do medio rural e na educación medioambiental.

O Obxetivo: Ser un complemento de apoio á comunidade educativa e un centro de ocio rural para todos os sectores da poboación.

O ALBERGUE TURÍSTICO é un establecemento hoteleiro con recoñecemento oficial como aloxamento de 2 estrelas dende o ano 2010.

Os servizos que presta abarcan dende o aloxamento con ou sen manutención, ata un completo programa de actividades adaptadas ás idades e aos gustos dos clientes:
- Agroturismo (horta ecolóxica, animais de granxa, educación ambiental, artesanía e transformación de alimentos).

- Aventura (rocódromo, tirolina, tiro con arco, montar a cabalo, orientación e sendeirismo).

O establecemento está aberto durante todo o ano a todo tipo de público, contando con tarifas especiais para grupos a partir de 20 persoas.

Instalacións: Para visitas con aloxamento, o albergue dispón de 7 cuartos con calefacción, e cunha capacidade de 52 prazas.
Conta ademais con 4 amplas aulas para actividades: natureza, transformacións, obradoiros e multiusos de 90 m2, sala de estar e comedor para 100 persoas.

Zonas verdes e deportivas: picadeiro, campo de futbito, voleibol, piscina, rocódromo, tirolina e tiro con arco repartidos en 15.000 m2.

Zonas de actividades agroturísticas: cortes (cabalos, ponis, burra, vaca, ovellas, cabras, porcos e coellos), galiñeiro (galiñas, pavos, faisáns), estanque (parrulos e gansas), poza, horta e invernadoiro.

Situación: Encóntranse no lugar de Reboreda, na parroquia de Abades, a 5 km. da AP-53 que a sitúa a tan só 30 minutos de Santiago e a 1 hora de A Coruña, Vigo e Ourense.

Recoñecementos: As dúas instalacións teñen o recoñecemento oficial como GRANXA ESCOLA E ALBERGUE TURÍSTICO de 2 estrelas pola Xunta de Galicia, figurando inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

Enderezo e contacto:
Reboreda, nº 6, ABADES
36589 Silleda (Pontevedra)
Telf.: 986 681 559 / Mób.: 695 069 933 / Fax: 986 681 570
www.granxaescola.com

A SOCIEDADE DE CAZA, PESCA E TIRO DE SILLEDA é unha Asociación Privada que ten por obxecto exclusivo o fomento e a práctica deportiva da caza, a pesca, o tiro deportivo e aquelas actividades deportivas relacionadas co devandito exercicio, sen ánimo de lucro.

Se ben practica como principal modalidade deportiva a Caza estando afiliada á Federación Galega de Caza, tamén contempla as outras irmás, a Pesca e o Tiro, funcionando a este fin as seccións correspondentes adscritas ás respectivas federacións.

Nacida no ano 1980 baixo a iniciativa de 307 cazadores, hoxe ofrece tódolos servizos propios das agrupacións destas características, abrindo a porta a unha actividade como é o Tiro Deportivo nas diferentes modalidades, nas inmellorables instalacións do Campo do Picouto.

Enderezo e contacto:
Rúa E, nº 4, baixo
36540 Silleda (Pontevedra)
Tel: 986 581 386 / Mob.: 661 083 004
www.tecorsilleda.es

 

O Clube de Tiro con Arco Tradicional, DEZARCO, é un clube nacido na Bandeira, grazas a un grupo de persoas con afección ao tiro con arco. Un deporte internacional que practican miles de persoas en todo o mundo no que se conxuga concentración mental e esforzo físico.

O Clube naceu á sombra do Mosteiro de Carboeiro, entre as súas fragas pragadas de carballos, abeleiras, sobreiras, bidueiros e érbedos. Fórmase da conxunción dun grupo de amantes da natureza, que goza dela e que, ao mesmo tempo, gustan de practicar un deporte antigo, como é o Tiro con Arco, especialmente na modalidade de Percorrido de Bosque en 3D, que é coa que mellor se pode gozar nestes paraxes ao mesmo tempo que os respecta en todo o seu esplendor.

Este clube viu a luz en Xaneiro do 2008 e as prácticas realízanse na zona de bosque da Fundación Semana Verde de Galicia en Silleda.

Enderezo e contacto:
Rúa Devesa, 7
36570 A BANDEIRA
Silleda ( Pontevedra)
Tel.: 690 058 687
www.dezarco.com

De que os xogos de bolos permaneceron vivos ao longo dos tempos existen testemuñas gráficas.

No Mosteiro de El Escorial hai uns tapices do S.XVII de Ramón Boyau, zaragozano cuñado de Goya, onde o pintor amósanos escenas da época de Carlos III. Nestes bordados como “O Xardineiro”, "O Xogo da Vaquiña”, “O Xogo de Bolos” e outros vese como neste deporte os xogadores non fan separación de clases sociais e a súa práctica fomenta a relación de amizade entre veciños e pobos.

Do poder de convocatoria en Galicia, basta dicir que nos campionatos de A Bandeira participan do orde de cincuenta equipos.

O clube de Petanca é o único federado da Comarca de Deza quedando a competición rexional reducida a equipos de Vigo e A Bandeira.

Breve historia: Ano 1977.- Catro veciños de A Bandeira, e parroquias lindeiras, regresan da emigración en Francia e practican no Campo da Feira un xogo con bolas de ferro que a todos asombra e ninguén entende.

Ano 1978.- Fúndase o Club Petanca Bandeira, inscribíndose na Federación Galega. No seu debut proclámase campión conseguindo o ascenso á categoría superior e a participación no Campionato de España en Sevilla, representando a Galicia. Acada o posto noveno.

Ano 1979.- Proclámase vencedor do campionato de Galicia (División de Honra) e xoga o Campionato de España na localidade alacantina de Benidorm representando a Galicia.

Ano 1980.- Novamente representa a Galicia, xogando en Santander o Campionato de España, acadando o sétimo lugar.

Ano 1883.- De novo correspóndelle ao clube representar a Galicia no torneo nacional, esa vez celebrado en Arenas del Mar (Barcelona).

O Clube de Petanca organiza dende o ano 1979 o Campionato de Verán “Festas de Bandeira-Trofeo Concello de Silleda” de Petanca, un dos máis acreditados de Galicia, tanto polos seus importantes premios en metálico (1.500.- €), como pola súa concorrencia con 150 equipos aproximadamente.

A súa práctica: Para a práctica deste deporte non é precisa unha fortaleza física especial, senón que se trata dun xogo de habilidade e temple. Estas características fan que sexa asequible a homes e mulleres sen distinción de idades.

Quen queira iniciarse pode atopar, calquera tarde da fin de semana, bos e consumados mestres xogando no campo existente na Praza do Antroido da Vila de A Bandeira. De forma desinteresada tentarán que a xornada sexa agradable e produtiva.

Enderezo e contacto:
BAR TRÉCOLA, Rúa Ramón de Valenzuela s/n
36570 A BANDEIRA
Telf.: 609 848 09