Manduas, foi identificada polo medievalista Piel como a "Mándolas" do nomenclátor suevo de mediados do S.VI, tras sinalar que o seu nome procede do latín "amandola", que significa améndoa.
O longo do seu término cabe destacar a igrexa parroquial, levantada nos anos trinta, coa porta románica da orixinal e co detalle de ser a única da Comarca coa fachada ao nacente. Así mesmo, hai treis cruceiros de especial interese situados no cemiterio, no campo da feira e no lugar de Quintela.
Outros personaxes dignos de destacar foron o gaiteiro Manuel Dopazo Gontade (1883-1952), o tenor José Vales Maía (1914-1980) a quen os veciños lles dedicaron o nome do Auditorio e a Praza que o circunda.
Na súa demarcación está o núcleo de A Bandeira que, cunha estrutura urbana ben trazada e unha oferta comercial e de servizos de relevancia, segue en importancia a Silleda.
Nacida ao abeiro dunha bandeira que se colocaba nunha casa- taberna e dunha feira de gran importancia no Camiño de Santiago, hoxe é a segunda poboación do Concello en número de habitantes e establecementos comerciais e de servicios de tipo administrativo.
Dispón de Centro de Saúde, Centro Social dos Maiores, Colexio Público, Escola de Música, Auditorio Multiusos, Casa de Cultura e Campos de Deportes.
Esto fai que as actividades deportivas e culturais formen parte do quefacer diario, con Banda de Música, Asociacións Culturais e Agrupacións de Baile e Música Tradicional de gran prestixio. Por A Bandeira pasa tamén o Camiño de Santiago e son moi famosos os Feiróns que se celebran os días 14 e 29 de cada mes, o Alto dos Xenerais polo entroido e a Festa da Empanada, declarada de Interese Gastronómico. |