Situada nun lugar céntrico, a partir do ano 1836 foi capital da Xurisdición de Trasdeza, ata que por razóns de seguridade o alcalde solicitou o cambio de sede administrativa, cousa que foi concedida no ano 1853 en que pasa a situarse na parroquia de Silleda.
A súa importancia histórica reflíctese no Castro situado preto da igrexa, na ponte sobre o río Toxa, de orixe medieval. En ser Camiño Real e paso de peregrinos con Albergue-Hospital, dedicado á Nosa Sra. da Consolación, e ser asentamento dun dos castelos máis importantes dos Deza na comarca destruído no ano 1320. A igrexa foi construída no S. XVII e destaca a Capela de S. Brais do S.XVIII, coa coñecida e milagreira Virxe da Fonte.
Na arquitectura civil destaca a Casa de Colmeiro e falando deste apelido, lembrar que nesta parroquia naceu o noso pintor máis internacional , Manuel Colmeiro Guimaráns (1901-1999), quen despois das estadías en Bos Aires, París e Vigo, fixou definitivamente a residencia na súa casa de Costela.(Margaride).
Por esta parroquia pasa hoxe o camiño a Santiago, a Vía da Prata. |