App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Sendeirismo
""
 
Inicio -> Sendeirismo -> Sendeiro da Saleta

Sendeiro da Saleta

Sendeiro de curto percorrido de dificultade media-baixa. Ten unha distancia de 13 km. no trazado máis longo. Este circuíto circular pódese realizar en catro horas con descansos.

Combina camiños asfaltados, calzadas empredadas, camiños rurais e vías pecuarias.

A flora e a fauna é abundante e rica en especies autóctonas.
O patrimonio artístico vén xalonado de igrexas, pazos, casas grandes e capelas, que constitúen unha fermosa reliquia do pasado nas terras de Trasdeza. De interese destacar que transcorre sobre un tramo do Camiño Mozárabe (Vía da Prata) pero en sentido inverso, é dicir, dende Silleda ata a Ponte de Taboada.

  • Itinerario
  • Ruta Curta
  • Patrimonio
  • Natureza

SILLEDA - TRASFONTAO - TABOADA - TABOADA VELLA - CAMPORRAPADO - COVAS - A SALETA (SIADOR) - Silleda.

Parte de Silleda, da Praza de Igrexa, seguindo en sentido invertido, o Camiño Real  (Vía da Prata) cara ao lugar de Trasfontao, onde se destacan: a calzada, o pazo e a carballeira; e de aí a área de descanso do peregrino, en Taboada. Seguindo en dirección oposta continúa ata o lugar de Taboada Vella, e xusto diante do Portal da Casa de Turismo Rural “A Posta da Prata”, continuaríamos cara a dereita deixando a nosa conexión co Camiño de Santiago. Neste punto, antes de empreder novamente o sendeiro, aconséllase baixar ata o río para admirar a beleza do conxunto formado pola calzada e a ponte do S. X coa inscrición da súa construción gravada nunha rocha.

Feito este descanso cultural, retrocederíamos ao portón da casa rural, para continuar pola esquerda, collendo unha pista e logo outra vez á esquerda para baixar ao r ío Deza e remontalo nun fermoso paseo fluvial ata chegar ao lugar de Camporrado, famoso por ser terra de persoeiros ilustres e lugar de celebrada feira ata o S. XVIII cunha esbelta capela.

A continuación proseguimos ata o lugar de Covas, con Casa de Turismo Rural, e de aí, pasando por entre carballeiras ata o Santuario da Saleta en Siador onde remata a camiñada, para admirar toda a súa contorna.

Para volver ao punto de inicio, xa por estrada asfaltada, Silleda queda a 2 km.

SILLEDA - TRASFONTAO - PARQUE ÁREA 33 - O MARCO (pola Depuradora) - A SALETA (SIADOR)

Percorrido aproximado de 5 km. que transcorre polo mesmo trazado da ruta longa ata o fin da Carballeira do Pazo de Trasfontao, unha vez superado este, xusto onde comeza o Parque Empresarial. Nese punto, preto dun fito do Camiño de Santiago tórcese á dereita por un camiño de carro, que nos leva ata a depuradora de auga de Silleda.

Igrexa Parroquial de Silleda:  Esbelta fachada das máis altas do Concello, construída no ano 1854 de estilo neoclásico, onde se honra a Sta. Olaia, patroa de Silleda.

Camiño de Santiago: Antigo camiño real tamén chamado Camiño Mozárabe, Camiño de Castela ou dos Maragatos, hoxe identificase coa Vía da Prata que, transitada dende a época medieval, forma parte dunha das vías de peregrinación máis importantes de Galicia.

Pazo de Trasfontao: Solar dos Crespo, do S. XVIII con recinto amurallado, patio interior sobrio con fonte, grandes chimeneas, pombal, capela blasonada, reloxo de sol e dous grandes portóns bautizados cos antigos propietarios como de María e José.

Igrexa de Taboada e Cruceiro: Igrexa románica dedicada ao Apóstolo moi reformada do S. XII aínda que de estilo puro. Porta con archivoltas sobre cabezas de animais e columnas vexetais. Ábsida rectangular con fiestras e canzorros baixo tellado. Cruceiro singular polo fuste romboidal acanalado sobre pedestal asentado en escaleiras. A súa beira un sarcófago antropoide descuberto na zona e na praciña un monumento ao Apóstolo Santiago.

Ponte Medieval e Calzada: Empregando a calzada ben conservada, que comeza á beira da casa de turismo rural “A Posta da Prata”, chégase a Ponte. Construída no ano 912, como así o constata a inscrición  que figura nunha rocha próxima, trátase dunha obra civil da enxeñería medieval cun só arco substentado por dous piares sobre rocha. Conserva intacta a balaustrada e está atravesado por unha antiga calzada empedrada que constituía case que o único punto de comunicación de Trasdeza e Santiago, con Castela.

Construída no ano 1812, é de estilo barroco, sobrio e un bo exemplo de arquitectura rural que preside a Carballeira da antiga feira de Camporrapado, que noutros tempos foi lugar de transaccións e de asentamentos de arrieiros e taberneiros.

Casa Grande de Fuentemayor. Covas. Cortegada: Importante construción do ano 1708 por D. José de Covas. Estrutura sólida de dúas plantas, con magnífico xardín, estanque, piscinas e merendeiro, hoxe dedicada ao turismo rural.

Santuario da Saleta. Siador: Primeiro santuario de España dedicado á Virxe da Saleta en conmemoración da aparición acaecida nos Alpes franceses no ano 1846. Contorna con fermosas Carballeiras, área recreativa, cámping, fonte do ano 1846 e unha sobreira singular, declarada árbore senlleira de Galicia pola súa antigüidade e porte. Tamén cabe destacar a Residencia dos Pais Saletinos presidida por unha imaxe en bronce do escultor Fernando Rodríguez, un cruceiro e o Pazo de Sestelo a poucos metros no lugar do mesmo nome.

Percorrido aproximado de 5 km. que transcorre polo mesmo trazado da ruta longa ata o fin da Carballeira do Pazo de Trasfontao, una vez superado este, xusto onde comeza o Parque Empresarial. Nese punto, preto dun fito do Camiño de Santiago tórcese á dereita por un camiño de carro, que nos leva ata a depuradora de auga de Silleda. Dende alí, xa por pista asfaltada, chégase ao lugar do Marco, cruzaremos a estrada de Silleda cara á dereita e uns metros máis abaixo enlazaremos coa pista que nos leva ao Santuario da Saleta.

Flora:  Monte baixo con predominio de toxos, xestas e silvas. Zona boscosa de carballos, castiñeiros, vidueiros e ameneiros. De xeito aillado atoparemos sobreiras, acivros, oliveiras, buxos e diversos frutais.

Fauna: Destaca o raposo, o lobo, a londra, a xineta, o esquío e a donicela como mamíferos. Aves coma o falcón peregrino, azor, miñato, pito real, ferreiriño, avelaiona, rula e o paspallás.

 

Punto de saída:
Parque das Pedrosas
Punto de chegada:
Santuario da Saleta
Tempo:
3 h. Aprox.
Distancia a percorrer:
Ruta curta: 5 km
Ruta principal: 13 km



Recomendacións

MATERIAL: calzado lixeiro de montaña, chubasqueiro en función da época do ano. Mapa da ruta, cantimplora, aconsellable máquina de fotos, roupa lixeira e cómoda.

Pódese realizar en sentido de ida e volta, pero é recomendable seguir o itinerario marcado para evitar a perda. Neste caso chamar ao teléfono: 660.663 145 ou 660 664 809  (Protección Civil)