App Store Carboeiro
 
O tempo en Silleda
Para o día

Pola Mañá

Pola Tarde

Mínima:
Máxima:
Cortesía de Meteogalicia
 
Síguenos en: Siguenos en facebookSiguenos en Twiter
Historia
""
 
Inicio -> Historia -> Prehistoria -> Castros

Castros

Da época castrexa, son moi numerosos os vestixios, máis de vinte,  entre os que cabe destacar polas súas características e dimensións o Castro Montaz en Oleiros, o  Castro do Cura en Cortegada,  O castro de Chapa, a Copa do Castro en O Castro e o Castro de Toiriz en Silleda. No caso destes dous últimos, na actualidade, e grazas á importante colaboración e implicación do aqueólogo silledense Xulio Carballo e ao esforzo de colectivos como a Asociación Cultural da Copa do Castro e o Colectivo pola Recuperación dos Castros de Toiriz, podemos gozar de paseos pola memoria histórica dos nosos devanceiros, in situ, empregando as mesas nas áreas dispostas para o descanso e, sobre todo, ilustrándonos con todo detalle a historia, vida e costumes dos seus habitantes a través dos paneis informativos distribuídos polos recintos. 

  • A Copa do Castro
  • Castro de Toiriz
Situación: Coto do Castro a 100 mts da igrexa de San Mamede, da parroquia de O Castro
Coordenadas:  X: 561.514  Y4.729.880  H:29
Como chegar: dende Silleda accédese pola estrada PO 211 que vai ata a estación de FF.CC. desviándose á dereita cando se chega á igrexa parroquial.

A Copa do Castro, coñecida tamén como Coto do Castro ou Castro de San Mamede, é o nome que se deu a este asentamento castrexo, que habitou as terras de Trasdeza hai algo máis de 2000 anos.

A súa recuperación xurde por unha iniciativa dos veciños que a través da asociación cultural Copa do Castro deulle forma á idea da súa posta en valor.

Estrutura: Componse dun só recinto ou coroa plana arrodeada dunha muralla cunha altitude de 2 metros de altitude. Situada a uns 450 mtrs. de alto dispón de miradoiros naturais perfectamente informados con paneis, onde se poden distinguir cara o poñente o Castro de Chapa, as Mámoas do Monte dos Escurros Negreiros e A Bandeira; e cara ao norte, o val que acolle a parroquia de Saídres, o río Deza, o santuario do Corpiño ou as estribacións do monte do Carrio.

Que Ver: Ten este castro elementos interesantes que ver e que aconsellan a visita ademais do propio asentamento a partir da senda creada ao efecto.

A Senda: Coa finalidade de ofrecer unha alternativa de ocio á propia visita ao castro, deseñouse unha senda de 3 km. 50 mts. que ten como punto de partida e de chegada a coroa.

O percorrido circular ofrecerá un paseo de dificultade baixa a través de varios enclaves da parroquia, entre os que cabe destacar: o Cruceiro, a Igrexa e a Estación do Ferrocarril.

O Cruceiro: Situando na aba do Castro, a lenda conta que quedou substituíndo á igrexa que se trasladou ao emprazamento actual, á beira da estrada, tralo asasinato do cura. Dende entón, cada ano durante as festas do patrón, na segunda fin de semana de setembro, sóbese en procesión.

A Igrexa: Do século XII forma parte do patrimonio cultural que integra a Ruta do Románico en Trasdeza, decorada con elementos moi fermosos da época medieval, como a portada, as mochetas, as metopas dos laterais e o presbiterio de ben traballados capiteis.

A Estación do Ferrocarril: Comezada a obra no ano 1927, inaugurouse no ano 1958 formando parte do trazado da liña de ferrocarril Santiago-Zamora. Destaca o edificio principal, influenciado pola arquitectura tradicional da comarca, con claras inspiracións na tipoloxía dos pazos galegos.

Ver mapa de recursos

Situación: Lugar de Os Castros
Coordenadas:  X: 560702.64  Y 727626.93  H:29
Como chegar: Dende Silleda, fronte a igrexa, accédese pola rúa Camiño dos Castros dirección oeste. (400Mts)

No sitio denominado Os Castros existe un castro, xacemento arqueolóxico da Idade de Ferro, ao que recentemente os arqueólogos lle deron o nome de Castro de Toiriz, tomado da aldea máis próxima. O Castro consta de dous recintos amurallados, un case circular situado na parte superior do outeiro, na coroa (Eira dos Mouros) e outro, que se desenvolve a una cota inferior apegado ao anterior pola parte sur e leste. Cara a parte exterior deste último recinto  aparece en paralelo un sistema defensivo composto de foxo e parapeto.

Este castro non foi escavado, se ben polas características da súa localización e polos restos de cerámicas que se atoparon, os arqueólogos calculan que a aldea fortificada puido ser levantada contra o século IV a.C. Ademais deste valor patrimonial, Os Castros de Toiriz son punto de referencia para numerosas lendas populares que dotan a este lugar dun misticismo especial. O conxunto castrexo atópase profusamente informado con mesas explicativas despois da restauración levada a cabo co esforzo do Colectivo pola Recuperación de Os Catros de Toiriz no ano 2010.

Biodiversidade

O clima benigno da zona permitiu a diversidade forestal, sobre todo, como non podía ser menos, da existencia de árbores míticos e cargados de lendas coma os carballos (quercus robar)  e os castiñeiros (castanae sativa) que arrodean a contorna do castro. Tamén  outros termófilos, propios das formacións mediterráneas, que na posición de solaina e de solos ben drenados aproveitan a situación como o loureiro (laurus nobilis).

O bosque vese intercalado con algunha existencia de piñeiro, tocóns de eucaliptos cortados e zonas abertas con matogueira de toxos (ulex) e xestas (cytisus).

Esta área presenta unha elevada formación libre xeolóxica na que predominan as rochas graníticas, aproveitadas polos antigos poboadores da zona, que son frecuentemente sobrevoados por corvos (corvus corax) e  algún exemplar de falcón (falco peregrinus).

Ver mapa de recursos





 


Mámoa da Chousa Nova Copa do Castro Castro de Toiriz Pena Longa Chao de Petos Pena das Cazolas