Situación: Campomarzo. Abades
Cronoloxía: 4340-4260 a.C. Máis antiga das datadas en Galicia.
Coordenadas: X: 557.906 Y: 4.734.043 H: 29
Para chegar hai que coller, na poboación de A Bandeira (N-525), a estrada autonómica PO-204 que vai cara ao Concello de Vila de Cruces e no lugar de Campomarzo coller á esquerda en dirección ao Santuario de Abades. O túmulo atópase preto da estrada local xusto enriba do falso túnel construído sobre a liña férrea do AVE.
Os traballos de escavación motivados polo paso da Liña de Alta Velocidade Ourense-Santiago, pola parroquia de Abades, descubriron unha cámara megalítica intacta e os restos dun complexo sistema construtivo. O monumento foi levantado segundo o estilo da época, é dicir, colocando pedras para formar unha especie de caixa e cubríndoas cunha gran lousa. A cámara quedaba sepultada baixo unha morea de terra, o túmulo, que lle confería un aspecto redondeado.
As análises de Carbono14 realizadas sitúan este xacemento entre o ano 4340 e o 4260 a.C., converténdoa nunha das cámaras megalíticas máis antigas das datadas ata o momento en Galicia.
Para comprender o valor para os seus construtores, hai que ter en conta que non se coñecía o metal e os centos de metros cúbicos que forman o túmulo tiveron que moverse con instrumentos de madeira, ósos, cestos feitos de vimbios e sacos de esparto. A pedra da cuberta pesa uns 2950 quilos.
No interior da cámara, baixo anacos da lousa cuberta partida, conservábanse aínda as evidencias dun enterramento individual. Aínda que a acidez dos solos galegos impide a conservación dos ósos tan antigos, un colar de doas de ámbar e variscita ocupaba o centro da cámara, disposto como se estivese depositado sobre un corpo humano. Unha pequena lámina de aixada, un cicel e una afiador completaban o enxoval.
|