Os Pazos
A etapa dos pazos deixou importantes exemplares, construídos fundamentalmente nos S. XVII e XVIII, en plena efervescencia do barroco, na antiga Xurisdición de Trasdeza. En xeral atópanse case que todos en bo estado de conservación e habitados. Son de propiedade privada e a súa visita tan só se podería realizar con petición previa ou dende o exterior na parte en que estes sexan visibles.
A gran cantidade existente destes edificios señoriais, tanto pazos, casas grandes como rectorais, danlle a Silleda unha certa singularidade no contexto galego que debería ser obxecto de tratamento nun estudo especial. Aquí tan só se describirán de forma breve e ilustrativa algúns: Trasfontao, Cascaxide, Sestelo e a Viña.
- Pazo de Trasfontao
- Pazo de Cascaxide
- Pazo de Sestelo
- Pazo da Viña
|
|
Situación: Trasfontao. Parroquia de Silleda
Época: Barroca
Cronoloxía: S. XVIII
Coordenadas: X:562.804 Y:4.726.419 H:29
Situado no lugar do mesmo nome, no Camiño de Santiago, esta edificación garda no seu interior un dos expoñentes barrocos máis sobresaíntes de Trasdeza.
Sobre un solar medieval, a máis importante das obras hai que situala a mediados do S. XVIII, está protexido por un recinto amurallado que inclúe practicamente todas as dependencias. Ten planta en H con entrada principal por unha cancela bautizada co nome de José, que da acceso a un pequeno patio provisto dunha sobria fonte, con arcada de arcos rebaixados e escaleira lateral. A destacar un fermoso xardín de estilo afrancesado, un hórreo de cinco claros, do ano 1895 destruído por un temporal neste século, un pombal exterior circular e unha cocheira para carruaxes na parte traseira. Carruaxes que hoxe se poden admirar no Pazo de Mariñán, propiedade da Deputación de A Coruña. Adosada á casa está unha capela adicada a Santo Tomé, que xa se nomeaba no ano 1560, e que posee un retablo de policromía que lle da un beleza singular.
En canto a heráldica, destacar na fachada principal o escudo de armas da Casa que polas labras marcadas representan ás linaxes dos Montenegro, Mosquera e Oxea.
Xa no exterior, destacar a carballeira de árbores centenarias, que da cobertura ao Camiño de Santiago. |
|
|
|
Situación: Cascaxide. Escuadro
Época: Barroca
Cronoloxía: S. XVII
Propiedade: privada non visitable
Do S. XVII, propiedade dos Espinosa, ten planta rectangular, baixo e piso. Salvando o desnivel do terreo, conta cun piso máis con arcadas nunha das frontes, torre de catro plantas e con balcóns de balaustrada que sobresaen da fachada. A fachada principal ten porta adintelada, un gran escudo e gárgolas.
Digna de mención é a grandiosa igrexa de claro estilo compostelán.
Conserva especial importancia o bosque que o arrodea, que pertence tamén ao pazo e que goza da consideración de ser un espazo protexido. |
|
|
|
Situación: Sestelo. Siador
Época: Barroca
Cronoloxía: S. XVI- XVII
Propiedade: privada non visitable
Coñecida como a Casa de Sestelo, a memoria máis recente deste pazo quedará sempre asociada a Francisco de Rivas Taboada, síndico procurador, alcalde de Silleda e benfeitor da parroquia de Siador, cando no ano 1863, promove a devoción á Virxe da Saleta, costeando a talla en Madeira da figura da Virxe e a ampliación da igrexa parroquial para a creación do camarín que lle daría cabida.
Hoxe, o sucesor e actual propietario, Roberto Rivas, continuador da obra é o gran defensor de devoción mariana e presidente da Fundación Nuestra Sra de la Saleta.
Recén restaurado, con eliminación dos aspectos máis cerrados e de porte defensivo, este conxunto pacego pódese consideran un dos exemplos mellor conservados e dignos de observar entre tódalas mansións señoriais do Concello.
O Escudo de armas leva os símbolos das liñaxes dos Baamonde e Ocampo e os Pimentel que tamén aparecen nunha inscrición gravada na fachada principal da capela existente á esquerda da entrada ao pazo, dedicada á Virxe do Socorro. |
|
|
|
Situación: A Viña. Abades
Época: Barroca
Cronoloxía: S. XVII
Propiedade: privada non visitable
Na arquitectura civil fidalga sobresae a Casa da Viña con escudo con armas dos Gil, Taboada, Luaces e león coroado dos Valenzuela e capela dedicada a San Antonio. Nesta casa naceu o escritor e político Ramón de Valenzuela (1914-1980).
Quizáis sexa unha das construcións da época barroca máis emblemática dentro do conxunto dos pazos do Concello, xa polos personaxes que o habitaron e que sempre destacaron polas carreiras relacionadas coas letras, xa polo deseño do conxunto, de trazado académico, formado pola casa principal con escudo de armas impresionante e esbelto, cheminea acorde, gran escaleira de acceso, alpendres, casas anexas e por suposto a capela de gusto e formas barrocas. |
|
|